martes, 20 de noviembre de 2018

Tesouros baixo derrumbes

Na escavación dun castro é frecuente que, baixo a capa protectora de sedimento, formada durante centos de anos de ruína e abandono, apareza o mítico e temido "nivel de derrube". E digo temido porque todos os que levamos anos pelexando con estes depósitos formidables sabemos o duro, técnico e fatigoso que resulta definir e escavar un grupo estratigráfico destas características: unha costra de pedras fortemente imbricadas sobre a que hai que ir con moito coidado, limpando e delimitando unha masa orientada de cachotes coa biqueira do paletín. Pero, unha vez que o tes claro, rexístralo, documéntalo, levántalo e... ai amigas! o meollo do asunto sempre está debaixo.

E esto foi precisamente o que aconteceu, estas últimas xornadas, na escavación do sector axuntado á entrada Leste no noso querido Castro de Viladonga. Miguel López Marcos, o director desta campaña, é un arqueólogo extraordinariamente talentoso, por iso a ninguén extrañou que concentrase os esforzos do grupo nunha zona concreta do paramento da muralla. E a secuencia foi de manual: primeiro observou, logo delimitamos unha zona que previamente tiña sinalada, despois limpamos, a continuación levantamos un falso paramento e... voilá, aquí están, as novas escaleiras de Viladonga, aquelas que foron contruidas polos habitantes deste lugar máxico para servir de acceso e comunicación entre a zona da porta, o adarve da muralla e o torreón que garda, como un coloso, a gran entrada a esta croa impresionante. E eu, que estiven traballando con el, e co resto do equipo de Terra Arqueos na memorable campaña da primavera de 2015 no Castro de Baroña, non puiden deixar de lembrar aquel día no que, o mesmo Miguel, quedou fitando para un anaco de paramento da muralla, a simple vista liso, sen nada de particular... e, ao remate da xornada, no seu lugar lucían, resplandecentes... unhas formidables escaleiras! Hai persoas que, ademais de usar o paletín ou a piqueta, escavan cos ollos, e Miguel, afortunadamente para todos, é unha delas.

E para que  vivan este descubrimento coma se estivesen a traballar aquí, connosco, axuntados todos á monumental cerca de Viladonga, deixo a secuencia completa do achado. Emociónense e gocen, porque realmente paga a pena.