miércoles, 31 de octubre de 2018

Algo máis que unha gabia

En verdade, esto é un sin parar: dos terrapléns para a croa, e do corazón da xigante da chaira, outra vez ao seu cinto protector. Pero esta suxestiva parada non ten desperdicio. Estamos, de novo, nun espazo magnífico, o lugar onde comezou todo.

Os castros non xurdiron por xeración espontánea. Aquelas familias de fai dous mil anos decidiron pasar a súa vida xuntas, separadas do mundo exterior por cercas e murallas. Logo de escoller o lugar onde ían vivir, trazaron as liñas mestras do seu fogar e despois escavaron unha monumental gabia todo ao seu arredor. Tivo que ser un traballo descomunal e fatigoso, que requeríu da participación de toda a comunidade: mulleres, nenas e homes. Logo, aproveitando os materiais extraídos, construiron os terrapléns e as murallas, e aí xa entraban os mestres de obras e os canteiros máis talentosos. Pero esas grandes gabias, os foxos, están na orixe do que foi o seu pobo.





En Viladonga son espectaculares, malia atoparse atuados entre os grandes terrapléns. Estes días, o baleirado do foxo permitiu apreciar en toda a súa dimensión a monumentalidade desta colosal estrutura escavada na rocha, a primeira que vían os seus contemporáneos ao achegarse a esta marabillosa acrópole.




Visto o resultado, a súa realización tivo que ser obra de auténticas toupas humanas. O seu perfil en U estreitase cara ao fondo e deixa as paredes descarnadas, sin a epidermis de terra vexetal que logo de centos de anos ainda as cubre. A súa reescavación non resultou doada, foi técnica e moi dura. Pero pagou a pena.

Logo, no laboratorio, veu o traballo de documentación, e nada mellor que este fermoso deseño do perfil da gabia, produto do lapis máxico de Miguel, para ilustrar o brillante resultado destas  xornadas nas que nos dedicamos a rexuvenecer a pel da Gran Dama.



miércoles, 24 de octubre de 2018

No corazón da croa

Sempre o dixemos: un dos grandes activos dos castros son os seus sistemas defensivos. Foxos, murallas, parapetos, entradas monumentais e torreóns, proporcionan a estes incribles depósitos arqueolóxicos unha imaxe forte e colosal, e neles radica gran parte da súa mística e do seu brutal poder de atracción. E Viladonga, con ese cinto espectacular que a marca e delimita, non vai ser unha excepción, tal e como demostra o achado, estes días pasados, dun macizo torreón circular asociado á entrada Leste.

Pero non todo vai ser traballar a carón dos terrapléns e as escarpas dos foxos. Nesta campaña tamén está proxectado actuar sobre o recinto interior, no "corazón" do primitivo asentamento castrexo. 




Xa estamos nel, e podo asegurar que traballar no interior dun recinto fortificado, aí, illado do mundo e onde o teu horizonte vese limitado por muro xigantesco, resulta unha experiencia única. Arestora, parte do equipo comezou cos traballos previos no interior da croa: a limpeza da vexetación e as capas superficiais para definir estruturas e acondicionar a área de actuación. Logo, como sempre, este castro marabilloso comezará a devolver eses segredos que leva tanto tempo gardando.


jueves, 18 de octubre de 2018

As visitas

Non hai nada coma elas. As visitas a un xacemento extensamente escavado e con apoio museístico á súa beira son un dos pratos fortes de calquera intervención en Viladonga. E non só iso, o castro tamén actúa como bastidor para todo tipo de actividades relacionadas coa Arqueoloxía e o goce do Patrimonio.



Dous exemplos destes mesmos días abondan para ilustralo: a fenomenal xornada que vivimos cos rapaces de 4ºB do colexio público Castelao de Ordes co gallo da grabación do programa da TVG "Eu quero ser" (por certo, marabilloso o comportamento de todo o personal de realización e, como non, da presentadora, Inma Morandeira), e a visita, espontánea (ou non tanto), dun grupo de turistas alemáns.




O director da actuación, o arqueólogo e restaurador Miguel A. López Marcos, logo de camiñar polo que un día foi paseo de rolda da vella muralla, proporciona información a un público agradecido como como hai poucos. Portas abertas en Viladonga, o mínimo que se pode pedir a un xacemento que leva 2000 anos fortificado.

martes, 9 de octubre de 2018

Historias ocultas

Calquera actuación realizada nun Castro como o de Viladonga resulta unha fonte inesgotable de sorpresas e novidades. E non precisamos acudir ao espectacular rexistro doméstico do interior da croa. No colosal sistema defensivo, unha das sinaturas deste espectacular depósito arqueolóxico, tamén saen á luz esquecidas e maravillosas historias.

Durante os traballos da área exterior do recinto principal do Castro, aí onde o cinto que apreta á dama da chaira bifúrcase formando unha espectacular sucesión de murallas, parapetos e foxos, e á beira mesma da entrada oriental e ao final da antemuralla, apareceu ante os nosos ollos unha xigantesca estrutura arquitectónica: un potente torreón macizo de planta redondeada e máis de 5 m. de diámetro, posiblemente amortizado durante as últimas fases de ocupación do poboado.

Na seguinte imaxe podemos ver as tres liñas de defensa, co torreón, o parapeto e a muralla achanzada. 




Outra ilustración mostra en detalle a planta e características do torreón.




Por último, Miguel A, López Marcos, arqueólogo que ten actuado na maioría dos grandes castros do país e director da presente actuación, empoleirado sobre esta sorprendente construción, recolle mostras para analíticas.




E, para rematar este relato, unha breve reflexión. En verdade, hai poucos xacementos como este castro dos milagres. Cando todos pensábamos que, fatigado e exhausto por anos de actividade, atopábase virtualmente esgotado, vai e brinca a lebre. O novo torreón da muralla, axuntado ao impresionante sistema de acceso á croa, demostra que Viladonga aínda ten moitas historias que contar. 

martes, 2 de octubre de 2018

A croa máis bonita

O meu mestre, o gran Felipe-Senén, bo coñecedor deste castro antes de que se convertese nunha imaxe icónica da arqueoloxía galega, viaxeiro moi bregado por todos os lugares emblemáticos do Patrimonio mundial, dende Pascua ata o Xapón, e dende Islandia ata á lendaria Terra do Lume, sempre o tivo claro: no Castro de Viladonga está a croa máis fermosa do mundo.

Os galegos somos moi dados a gabarnos desa categoría. Por iso temos unha lista impagable: a praia máis fermosa do mundo, o banco máis fermoso do mundo, a viña máis fermosa do mundo, ... e moitas máis que non aparecen neste catálogo elaborado polos tour operadores contemporáneos.

Pero, agárrense, a croa do castro de Viladonga leva dous milleiros de anos sendo fermosa. De seguro que os seus habitantes, mulleres e homes que escolleron este lugar espléndido para vivir, apreciaron a súa beleza. Durante xeracións construiron un poboado magnífico, potente e moi, moi especial. E nunca nos esqueceremos delas. 

E para mostra un botón: imaxinen e soñen. A xigante da chaira tamén é terriblemente bela por dentro, incluso mostrando o seu interior descarnado.