viernes, 21 de diciembre de 2018

De fontes e murallas

Parecía un xogo de pelota: cada vez que guindábamos a bola, esta volvía, rápida, moito máis nova e cun pisco de desafío orgulloso. Pero ela sempre estaba alerta, aí, esperando preguntas e acubillando segredos. E non fomos nós os que a espertamos, sinxelamente levaba tempo durmida e soñando, a gran Dama da chaira.

O achado dun sistema de captación e garda de auga nun asentamento castrexo desta magnitude foi algo excepcional. E non só porque demostrou, unha vez máis, que as comunidades que froreceron naquela grande primavera, a que adornou os tempos plenos dun Ferro serodio e crepuscular, coñecían, proxectaban e manexaban coñecementos avanzados de enxeñería. Isto, sen dúbida, permitíulles levar a cabo as obras e infraesturas que a comunidade precisaba. E aquí entra o descubrimento do chamado "alxibe" de Viladonga, que non é, nin máis nin menos, que unha fonte semisoterrada con depósito anexo. En verdade, unha estrutura fantástica que dota dunha nova dimensión a este gran xacemento arqueolóxico. 

Pero aínda hai máis: os descomunais cintos que fortificaron a este formidable poboado, inzáronse sobre a fonte, a mina, a auga... e, tendo en conta a importancia que para todas as sociedades histórica e etnográficamente coñecidas ten "estar na fonte" ou "ir á auga", lévanos a entender a este novo achado como algo único e de longo percorrido na arqueoloxía galega. Resulta chocante, pero o manancial nunca foi atuado: por pouco que esperemos, nestas vésperas húmidas de Nadal, podemos ver como a auga flúe, lixeira e viva, como as mensaxes saturnais de fai dous mil anos.

A fonte de Viladonga, a que levaba moitos anos oculta baixo pedras e sedimentos, saíu por fin á luz. Pero nunca estivo totalmente esquecida e ainda se falaba dela cando os arqueólogos decidimos abrir o ventre da gran Dama. Pero esto forma parte doutra historia, a que debullaremos no seguinte capítulo. Volveremos.