martes, 2 de octubre de 2018

A croa máis bonita

O meu mestre, o gran Felipe-Senén, bo coñecedor deste castro antes de que se convertese nunha imaxe icónica da arqueoloxía galega, viaxeiro moi bregado por todos os lugares emblemáticos do Patrimonio mundial, dende Pascua ata o Xapón, e dende Islandia ata á lendaria Terra do Lume, sempre o tivo claro: no Castro de Viladonga está a croa máis fermosa do mundo.

Os galegos somos moi dados a gabarnos desa categoría. Por iso temos unha lista impagable: a praia máis fermosa do mundo, o banco máis fermoso do mundo, a viña máis fermosa do mundo, ... e moitas máis que non aparecen neste catálogo elaborado polos tour operadores contemporáneos.

Pero, agárrense, a croa do castro de Viladonga leva dous milleiros de anos sendo fermosa. De seguro que os seus habitantes, mulleres e homes que escolleron este lugar espléndido para vivir, apreciaron a súa beleza. Durante xeracións construiron un poboado magnífico, potente e moi, moi especial. E nunca nos esqueceremos delas. 

E para mostra un botón: imaxinen e soñen. A xigante da chaira tamén é terriblemente bela por dentro, incluso mostrando o seu interior descarnado.



domingo, 30 de septiembre de 2018

Os primeiros días

Nas intervencións arqueolóxicas sobre xacementos escavados en extensión, resultan fundamentais traballos de limpeza e acondicionamento previos.  No Castro de Viladonga, nestes últimos días, tiveron moito protagonismo os traballos de roza e de limpeza de vellos cortes e estruturas arquitectónicas, un traballo duro e, ás veces, incluso ingrato, pero que forma a base sólida de todo proxecto.


Nas imaxes que ilustran este pequeno relato dos sempre difíciles comenzos, vemos o sofocante traballo de roza manual, e a limpeza detallada do longo corte aberto no seu día por Felipe Arias, histórico excavador e director do Museo do Castro. Con mimo e atentos ao último detalle, Fidel, Neme e Martín traballan empoleirados sobre a muralla achanzada que sucede ao primeiro foso. Os retranqueos nas murallas castrexas son unha característica común a moitos xacementos, unha solución construtiva que facía máis doada a súa construción e que hoxe, dous mil anos despois, sigue sendo útil para os arqueólogos que acometen a súa limpeza e mantemento.




Benvidos!

Abrimos un novo roteiro polo emblemático Castro de Viladonga. Desta folla de ruta, unha continuación natural do blog que tan ben funcionou  na campaña de 2017, esperamos que sexa un vehículo semellante a un punto de encontro, unha plataforma aberta de divulgación. En resumo, un esforzo por afastarnos do estilo, serio, académico e monótono, que caracteriza aos diarios arqueolóxicos convencionais.

A traveso destes textos, sempre pensados así, espontáneos e a bote pronto, poderedes compartir o noso traballo cotiá, aquí, neste depósito arqueolóxico formidable. Non hai perda, e seguramente esqueceremos moitas cousas, pero nunca botaredes de menos a paixón, o motor que nos fai amar á nosa profesión e os lugares nos que traballamos.

E para abrir boca, un prólogo visual impactante: a vista dos sectores intervidos no ano 2017, a imaxe renovada dunha nova Viladonga.

Verémonos frecuentemente, de seguro, e gozaremos xuntos deste lugar único. Benvidos á actuación do Castro de Viladonga 2018!!