miércoles, 31 de octubre de 2018

Algo máis que unha gabia

En verdade, esto é un sin parar: dos terrapléns para a croa, e do corazón da xigante da chaira, outra vez ao seu cinto protector. Pero esta suxestiva parada non ten desperdicio. Estamos, de novo, nun espazo magnífico, o lugar onde comezou todo.

Os castros non xurdiron por xeración espontánea. Aquelas familias de fai dous mil anos decidiron pasar a súa vida xuntas, separadas do mundo exterior por cercas e murallas. Logo de escoller o lugar onde ían vivir, trazaron as liñas mestras do seu fogar e despois escavaron unha monumental gabia todo ao seu arredor. Tivo que ser un traballo descomunal e fatigoso, que requeríu da participación de toda a comunidade: mulleres, nenas e homes. Logo, aproveitando os materiais extraídos, construiron os terrapléns e as murallas, e aí xa entraban os mestres de obras e os canteiros máis talentosos. Pero esas grandes gabias, os foxos, están na orixe do que foi o seu pobo.





En Viladonga son espectaculares, malia atoparse atuados entre os grandes terrapléns. Estes días, o baleirado do foxo permitiu apreciar en toda a súa dimensión a monumentalidade desta colosal estrutura escavada na rocha, a primeira que vían os seus contemporáneos ao achegarse a esta marabillosa acrópole.




Visto o resultado, a súa realización tivo que ser obra de auténticas toupas humanas. O seu perfil en U estreitase cara ao fondo e deixa as paredes descarnadas, sin a epidermis de terra vexetal que logo de centos de anos ainda as cubre. A súa reescavación non resultou doada, foi técnica e moi dura. Pero pagou a pena.

Logo, no laboratorio, veu o traballo de documentación, e nada mellor que este fermoso deseño do perfil da gabia, produto do lapis máxico de Miguel, para ilustrar o brillante resultado destas  xornadas nas que nos dedicamos a rexuvenecer a pel da Gran Dama.



No hay comentarios:

Publicar un comentario