martes, 9 de octubre de 2018

Historias ocultas

Calquera actuación realizada nun Castro como o de Viladonga resulta unha fonte inesgotable de sorpresas e novidades. E non precisamos acudir ao espectacular rexistro doméstico do interior da croa. No colosal sistema defensivo, unha das sinaturas deste espectacular depósito arqueolóxico, tamén saen á luz esquecidas e maravillosas historias.

Durante os traballos da área exterior do recinto principal do Castro, aí onde o cinto que apreta á dama da chaira bifúrcase formando unha espectacular sucesión de murallas, parapetos e foxos, e á beira mesma da entrada oriental e ao final da antemuralla, apareceu ante os nosos ollos unha xigantesca estrutura arquitectónica: un potente torreón macizo de planta redondeada e máis de 5 m. de diámetro, posiblemente amortizado durante as últimas fases de ocupación do poboado.

Na seguinte imaxe podemos ver as tres liñas de defensa, co torreón, o parapeto e a muralla achanzada. 




Outra ilustración mostra en detalle a planta e características do torreón.




Por último, Miguel A, López Marcos, arqueólogo que ten actuado na maioría dos grandes castros do país e director da presente actuación, empoleirado sobre esta sorprendente construción, recolle mostras para analíticas.




E, para rematar este relato, unha breve reflexión. En verdade, hai poucos xacementos como este castro dos milagres. Cando todos pensábamos que, fatigado e exhausto por anos de actividade, atopábase virtualmente esgotado, vai e brinca a lebre. O novo torreón da muralla, axuntado ao impresionante sistema de acceso á croa, demostra que Viladonga aínda ten moitas historias que contar. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario